Startups polo miúdo: Ábaco, dixitalizando as asociacións escolares
4 de abril de 2026

“Startups polo miúdo” é unha fiestra próxima e curiosa ao talento galego, un espazo no que nos achegamos con calma aos proxectos tecnolóxicos nacidos na nosa terra. Observámolos con atención e agarimo, poñendo o foco no máis valioso do noso ecosistema: as persoas que, con paixón e intelixencia, dan forma ás súas ideas.
Agora imos a escoitar as verbas de Sergi Gracia de Ábaco. Vai desgranar a creación do seu proxecto Ábaco para facilitar a vida ás asociacións escolares.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Ábaco]: Ábaco é un software de xestión para asociacións escolares (ANPAs) que dixitaliza e automatiza todas as súas xestións coas familias do centro educativo (actividades, pagamentos, comunicación…) aforrándolles así centos de horas de traballo voluntario ás persoas da xunta.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Ábaco]: Ábaco fundámolo en 2024 Sergi Gracia (CEO, Pontevedra) e Ricardo Campos (CTO, Alicante). Durante anos traballamos en varias startups recoñecidas do ecosistema tech en Madrid e Barcelona e, despois, en 2016, montamos Modo, un estudo de produtos dixitais.
En Modo desenvolvemos principalmente ferramentas SaaS, traballando durante 7 anos con clientes de medio mundo (de Berlín a San Francisco, pasando por Nova York, Dubái ou Madrid).
En 2024 tomamos unha decisión arriscada: pechar o estudo, despedir un equipo de 11 persoas e apostar por unha aventura propia: construír Ábaco, un produto pensado para resolver un problema moi concreto na comunidade escolar.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Ábaco]: En España hai case 29.000 centros escolares. Nunha boa parte deles existen asociacións de familias (ANPAs) impulsadas por nais e pais voluntarios, co obxectivo de ampliar servizos educativos (extraescolares), mellorar a conciliación familiar e dinamizar a vida do cole con actividades e eventos.
O problema é que moitas destas asociacións acaban xestionando centos ou miles de inscricións, miles de euros en cobros e datos sensibles (familias e menores), pero fano cunha mestura de Excel, WhatsApp, papel e transferencias bancarias. Iso tradúcese en procesos lentos, erros inevitables, comunicación pouco eficiente… e, en bastantes casos, burnout da xunta.
Por iso nace Ábaco.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Ábaco]: Estamos na metade do noso segundo curso escolar e xa hai 400 asociacións usando Ábaco como a súa plataforma de xestión. O obxectivo para o que queda de curso é consolidar o proxecto: seguir mellorando o produto e acadar o break-even.
De cara ao inicio do noso terceiro curso escolar, queremos duplicar a base de contas activas e chegar ás 800 asociacións, mantendo o foco nunha experiencia cada vez máis sinxela para xuntas e familias.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Ábaco]: Arrincamos en bootstrap e cun investimento privado de 50k€ para construír a primeira versión e validar tracción. Un ano e medio despois, o proxecto xa está validado, está moi preto do break-even e medrando cunha base sólida de asociacións activas e cun churn practicamente nulo.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Ábaco]: Traballamos en remoto, desde Pontevedra e Alicante. A nosa cultura baséase nunha confianza total, responsabilidades moi claras e unha forma de traballar bastante simple: poucas reunións, moita comunicación e máxima eficiencia nas nosas horas de traballo.
A nivel de produto, os nosos valores son moi claros: construír algo simple, doado e transparente, e estar moi preto de quen o usa. Por iso falamos moito coas nosas asociacións, escoitamos, iteramos e poñemos moita empatía na comunicación.
Un piar clave para nós foi a IA: integrala en todas as áreas da empresa foi vital para gañar velocidade e calidade cun equipo pequeno. Iso só é posible cunha mentalidade de aprendizaxe continua, probando ferramentas e novas tecnoloxías de forma constante.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Ábaco]: Seguimos de preto a Jordi Romero, Bernat Farrero e Pau Ramon, fundadores de Factorial. Ademais de ter traballado con eles, inspíranos a súa capacidade de execución: construír un SaaS cunha obsesión polo produto, fichar talento moi bo e escalar internacionalmente sen perder o foco.
Fai tempo que seguimos de preto a Marine Instruments pola súa aposta tecnolóxica en boias satelitais e drons, combinada co uso de IA e Big Data para o sector marítimo.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Ábaco]: Botamos en falta un pouco máis de dinamización e máis puntos de encontro: eventos, charlas, obradoiros e espazos onde compartir aprendizaxes. Cremos que ese tipo de conexións son clave para que o ecosistema galego sexa cada vez máis enriquecedor, máis conectado e máis colaborativo.
Moitas grazas a Sergi por falarnos do seu proxecto.
Seguimos abrindo espazo para dar a coñecer historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes algo entre mans e queres contárnolo? Escríbenos a info@startup.gal — estamos desexando escoitarte.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


