Startups polo miúdo: Metlabs, transformando activos reais en tokens dixitais para modernizar o sistema financeiro
24 de julio de 2026

“Startups polo miúdo” é unha fiestra próxima e curiosa ao talento galego, un espazo no que nos achegamos con calma aos proxectos tecnolóxicos nacidos na nosa terra. Observámolos con atención e agarimo, poñendo o foco no máis valioso do noso ecosistema: as persoas que, con paixón e intelixencia, dan forma ás súas ideas.
Agora imos a escoitar as verbas de Pablo Gómez de Metlabs. Esta startup leva a blockchain ao mundo real tokenizando activos como inmobles, débeda ou enerxía para facer o investimento máis áxil, transparente e accesible.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Metlabs]: Metlabs é unha empresa galega de desenvolvemento blockchain e tokenización de activos do mundo real (RWA). Convertemos inmobles, débeda, enerxía e outros activos en tokens dixitais para que poidan negociarse e xestionarse de forma máis áxil, transparente e accesible.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Metlabs]: Estamos con sede na Coruña, no Edificio Proa (Matogrande), cunha oficina en Madrid e operacións en España, Latinoamérica, Emiratos e Estados Unidos. Somos un equipo de máis de 15 profesionais en desenvolvemento, produto, deseño e negocio. A empresa nace da idea de que a tecnoloxía blockchain podía saír do especulativo e converterse nunha infraestrutura real para o sector financeiro e inmobiliario.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Metlabs]: Blockchain é, no fondo, unha tecnoloxía para transferir e representar valor. Durante anos os seus usos foron practicamente irrelevantes, moito ruído e pouca aplicación real, ata que chega ao lugar onde de verdade cambia as cousas, o sistema financeiro. E aí a oportunidade é enorme, porque o sistema tradicional segue funcionando con infraestrutura do século XX. Unha transferencia tarda días en liquidarse, pasa por unha morea de intermediarios e non entende de fins de semana. Blockchain liquida de forma instantánea, 24/7 e sen ese exército de intermediarios no medio. Iso é o que nos permite darlles axilidade e acceso a activos que ata agora eran lentos e caros de mover, e ademais chegar a economías e a persoas que o sistema tradicional deixa fóra. Iso si, facéndoo co rigor regulatorio que o sector esixe (MiCA, MiFID II). Empezamos por aí e hoxe levamos tokenizados máis de 40 millóns de dólares en activos reais.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Metlabs]: Consolidarnos como socios estratéxicos de blockchain a longo prazo, non como simples provedores de produto, para bancos e grandes institucións. Estamos tamén a expandir operacións en Latinoamérica e, ademais do negocio de servizos, temos xa produto propio que queremos escalar, dando o salto de facer proxectos para clientes a construír infraestrutura de tokenización que sirva a compañías de todo o mundo.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Metlabs]: Somos unha empresa bootstrapped e rendible. Crecemos con recursos propios e coa facturación dos nosos proxectos, sen rolda de investimento ata a data. Iso dános independencia para decidir cara onde imos. Sabemos que este camiño é máis duro, o VC é outro xogo, pero é unha carta que xogaremos a futuro se ten sentido para escalar o produto.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Metlabs]: Os nosos valores son excelencia e honestidade. Somos un equipo esixente, que traballa rápido e coa vara de medir moi alta. Traballamos cun modelo híbrido, aínda que cada vez máis presencial, porque para construír algo grande, e máis competindo con actores internacionais, detrás dunha pantalla é difícil crear vínculo. E coidamos o talento apostando por xente nova, dándolle responsabilidade real e proxectos ambiciosos desde o primeiro día.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Metlabs]: Nik Storonsky, fundador de Revolut. A pesar da regulación europea, construíu desde Europa o banco dixital máis valioso do continente. O que admiro del é a velocidade e a obsesión, mentalidade de datos e execución a gran escala. Proba de que desde aquí tamén se pode competir cos xigantes.
E como startup galega, Pilgrim. O que están a facer Roberto e o seu equipo ten moito mérito, porque collen algo tan noso como o Camiño de Santiago e convérteno en produto tecnolóxico, exportando a marca Galicia fóra.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Metlabs]: Máis emprendedores. Formar emprendedores desde o instituto e a universidade. Teño 22 anos e o que escoitei na facultade de Economía, cando menos, quítache as ganas de emprender. É unha batalla cultural, pero ao final é a única maneira. E que a xente non marche de aquí. Cando emprendes e te atopas con que non tes con quen compartir, con que non hai outras startups do teu sector aquí e si en Madrid, Barcelona ou fóra, nótase. Todos os que coñezo marcharon ou están no proceso. É unha mágoa, pero é o que temos. Por iso fai falta máis cultura emprendedora, máis comunidade e sobre todo máis ambición, produtos pensados para vender fóra e non tan localistas. Competir fóra e facer na casa.
Moitas grazas a Pablo por falarnos do seu proxecto.
Seguimos abrindo espazo para dar a coñecer historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes algo entre mans e queres contárnolo? Escríbenos a info@startup.gal — estamos desexando escoitarte.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


