Participa no I Certame GOBTEC de Software Libre
14 de octubre de 2026

Xa está aberto a candidaturas o I Certame GOBTEC de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL e a AMTEGA, coa colaboración de Startup Galicia, que busca conectar o talento tecnolóxico galego cos retos reais das administracións públicas.
O certame nace co obxectivo de fomentar o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en software libre, capaces de mellorar os servizos públicos e facilitar a súa adopción e reutilización por parte dos concellos galegos.
Un reto real: a xestión e reserva de instalacións deportivas municipais
Nesta primeira edición, o desafío consiste en desenvolver unha plataforma de xestión e reserva de instalacións deportivas municipais. A proposta busca ofrecer unha ferramenta dixital que permita á cidadanía consultar a dispoñibilidade das instalacións, realizar reservas en liña e xestionar modificacións ou cancelacións de xeito sinxelo.
Ao mesmo tempo, a solución deberá facilitar aos concellos a administración dos espazos, os horarios e as normas de uso, apostando por unha arquitectura aberta, accesible, segura e adaptable a diferentes municipios.
O obxectivo é que a tecnoloxía responda a necesidades concretas e que as solucións desenvolvidas poidan reutilizarse e escalarse, contribuíndo a unha Administración máis eficiente e próxima á cidadanía.
Emprendemento, tecnoloxía e colaboración público-privada
Desde Startup Galicia cremos que é fundamental impulsar iniciativas que conecten as empresas, as persoas emprendedoras e as administracións públicas. Por iso, colaboramos con este certame, que ofrece unha oportunidade para transformar ideas e capacidades tecnolóxicas en solucións con impacto real e permite reforzar as conexións entre o emprendemento galego e os retos da transformación dixital do sector público, poñendo en valor o talento local, a innovación aberta e o potencial do software libre.
Como participar?
O certame está dirixido a empresas, persoas emprendedoras e entidades tecnolóxicas con sede social ou centro de traballo en Galicia e capacidade demostrable para desenvolver solucións de software libre.
As propostas deberán presentarse mediante unha memoria técnica, coa posibilidade de achegar tamén un prototipo ou unha demostración funcional. As candidaturas serán avaliadas atendendo á súa adecuación ao reto, cobertura funcional, viabilidade de implantación e potencial de reutilización.
Toma nota!
👆Prazo de presentación: ata o 19 de novembro
✌️Evento final, no que se presentarán as propostas finalistas, o 3 de decembro na Cidade da Cultura.
👌Premio de 6.000 euros, ademais de recoñecemento institucional.
Non perdas esta oportunidade!
👉 Consulta todos os detalles do I Certame GOBTEC de Software Libre

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


