Conta atrás para o nosday 2026
17 de septiembre de 2026

Este sábado, 19 de setembro, volvemos reunir en Santiago de Compostela o ecosistema emprendedor e tecnolóxico galego coa celebración do nosday Startup Summit 2026, que terá lugar no Auditorio ABANCA.
A partir das 15:30 horas, reuniremos emprendedores, investidores, profesionais tecnolóxicos e persoas interesadas na innovación arredor dun programa no que poñemos o foco en emprendemento, innovación e investimento.
Lonxe das fórmulas baseadas exclusivamente en contidos teóricos, apostamos por un formato informal, con experiencias reais, conversacións prácticas e un ambiente próximo e honesto. Queremos ofrecer unha visión máis directa sobre a creación e o desenvolvemento de empresas e startups e, sobre todo, xerar un espazo no que as persoas poidan compartir, coñecerse e establecer novas conexións.
Un cartel con experiencia no ecosistema startup
Para esta edición contamos con cinco relatores procedentes de compañías e proxectos vinculados á tecnoloxía, o produto, o emprendemento e a innovación.
Entre os nomes confirmados están Sofía Prósper Díaz-Mor, de Okta e Privacy and Digital Rights Advocate en Trackula; Marcos Muíño García, Engineer Director en Factorial; Ana Asuero, CPO (Chief Product Officer) en MOGU; Maxi Portes, de Vitamina Jota; e Pablo Pazos, Founder & Co-CEO en Barkibu.
Estes nomes súmanse a outros profesionais destacados do mundo empresarial, tecnolóxico e emprendedor que xa pasaron polo escenario do nosday, como Pepita Marín, cofundadora e CEO de We Are Knitters; Desirée Teijeiro, cofundadora e COO de Libera Bio; Iker Marcaide, fundador de Flywire e Zubi Group; Pedro Serrahima, director de O2 Telefónica; Elisenda Bou, Head of Apple Media Knowledge; e Jesús Monleón, cofundador de SeedRocket.
Ao longo destas edicións fomos construíndo un espazo no que compartir experiencias de primeira man con persoas que están ou estiveron á fronte de compañías e proxectos de referencia.
Talento, networking e conexión do ecosistema con Portugal
Un dos nosos principais obxectivos é favorecer as conexións entre os diferentes actores do ecosistema. Nesta edición queremos, ademais, seguir estreitando os lazos con Portugal coa asistencia ao evento dunha delegación de Startup Portugal, entidade representante do emprendemento luso.
Por iso, ademais das charlas, contamos con espazos de networking orientados a facilitar novas colaboracións entre startups, empresas e profesionais.
A xornada pechará ás 21:00 horas cunha cea, poñendo o punto final a un encontro no que queremos combinar coñecemento, conexión e comunidade.
Tamén apostamos por achegar o nosday ás novas xeracións de profesionais. Por iso, facilitamos o acceso dos estudantes a través dunha tarifa con desconto, coa intención de achegar a comunidade startup a perfís tecnolóxicos novos e favorecer un espazo no que estudantes, profesionais e empresas poidan coñecerse, compartir experiencias e explorar novas oportunidades laborais e de colaboración.
Apoio de empresas e institucións
O nosday Startup Summit 2026 conta co patrocinio de Easor, Raiola Networks e ABANCA, tres actores vinculados ao ámbito empresarial e tecnolóxico, e coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do IGAPE.
Este apoio permítenos seguir reforzando o carácter do nosday como punto de encontro para o ecosistema emprendedor galego-luso e como espazo de conexión entre empresas, talento e innovación.
Despois de varias edicións, seguimos apostando polo nosday como unha cita para o ecosistema emprendedor galego e como punto de encontro para o talento e a innovación do noroeste peninsular.
Porque, ao final, o nosday vai disto: xuntar persoas que están facendo cousas e crear o contexto para que poidan pasar cousas novas.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


