Startups polo miudo: Perfect Numbers, monitorización IoT para ser máis eficientes
5 de diciembre de 2025

“Necesitamos acelerar a canle de acceso a investimento especializado e a posibilidade de probar tecnoloxía con empresas tractoras locais.”
“Startups polo miúdo” é unha ventá próxima e curiosa ao talento galego, un lugar onde coñecemos con calma proxectos tecnolóxicos feitos na casa. Achegámonos a eles con agarimo e atención, destacando o máis valioso do noso ecosistema: as persoas que poñen paixón e intelixencia en dar forma ás súas ideas.
Nesta volta falamos con Gonzalo Abuín, CEO de Perfect Numbers, unha empresa que deseña e fabrica solucións de monitorización IoT para facer máis eficientes, sostibles e dixitais sectores tan diversos como a industria, a agricultura ou a alimentación.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Perfect Numbers]: Perfect Numbers é unha empresa galega que deseña e fabrica solucións de monitorización IoT para facer máis eficientes, sostibles e dixitais sectores tan diversos como a industria, a agricultura ou a alimentación.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Perfect Numbers]: O equipo fundador coñeceuse traballando en proxectos tecnolóxicos e de innovación en Galicia, aínda que dous dos socios xa se coñecían dende a universidade. Os tres compartimos a paixón pola tecnoloxía en todos os ámbitos, e decidimos dar un paso máis e crear Perfect Numbers para transformar datos en decisións.
Estamos ubicados en Vilalba, con clientes en diferentes puntos de España e proxectos piloto en colaboración con grandes compañías.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Perfect Numbers]: O problema que detectamos foi que moitos sectores estratéxicos como a gandería, a industria agroalimentaria ou a enerxíanon tiñan ferramentas accesibles e fiables para medir procesos clave.
De feito, DataLact naceu a raíz da petición expresa dun gandeiro que tiña problemas co seu tanque de refrixeración de leite, e decidimos crear unha solución á medida.
A partir de aí fomos desenvolvendo unha familia de produtos (DataWater, DataTruck, DataBeer, DataSilo, DataAir…) orientados a resolver necesidades concretas cun dispositivo IoT propio e unha plataforma de análise sinxela.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Perfect Numbers]: Os nosos próximos pasos son escalar a comercialización das solucións que xa están no mercado (DataWater, DataLact e DataBeer), avanzar en proxectos piloto como DataSilo e DataAir, e abrirnos a novos mercados internacionais, por certo en outubro viaxamos a México. Tamén buscamos consolidar alianzas estratéxicas con empresas tractoras e ampliar o noso equipo técnico e de negocio.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Perfect Numbers]: Ata o de agora Perfect Numbers creceu en modo bootstrapping, financiándonos cos primeiros clientes e proxectos de innovación. Estamos abertos a explorar unha rolda de investimento para acelerar a internacionalización e a fabricación en serie dos nosos dispositivos.
En calquera caso, temos caixa suficiente para aguantar todo o 2026 sen facturar un só euro, o que nos dá tranquilidade para seguir medrando con paso firme.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Perfect Numbers]: Traballamos de forma híbrida: parte do equipo en oficina e parte en remoto, o que nos permite atraer talento e manter a flexibilidade. Os nosos valores son innovación, proximidade co cliente e sostibilidade. Coidamos o talento dándolle autonomía, formación continua e implicándoo directamente nos proxectos cos clientes.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Perfect Numbers]: Admiramos a emprendedores que foron quen de transformar sectores tradicionais mediante tecnoloxía, porque é tamén a nosa misión. En Galicia, recomendariamos startups como Situm ou Cluber, que demostraron que se pode innovar dende aquí con impacto internacional.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Perfect Numbers]: Ao ecosistema galego fáltalle máis conexión entre startups, grandes empresas e capital. Temos talento e proxectos, pero necesitamos acelerar a canle de acceso a investimento especializado e a posibilidade de probar tecnoloxía con empresas tractoras locais.
Agradecémoslle moito a Gonzalo por compartir connosco a historia de Perfect Numbers. Seguimos dando pasos para dar voz a historias reais de emprendemento feito en Galicia.
¿Tes un proxecto que paga a pena contar? Escríbenos a info@startup.gal, estamos desexando coñecerte!

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


