Startups polo miúdo: Yepcode, conectando integracións e automatizacións con intelixencia e eficiencia

12 de octubre de 2025

“Startups polo miúdo” é unha fiestra curiosa ao talento galego, un lugar onde coñecemos con pausa proxectos tecnolóxicos feitos na casa. Facémolo con agarimo e curiosidade, destacando o mellor do noso ecosistema: as persoas que poñen ilusión e talento en dar vida ás súas ideas.

Desta volta imos a falar de Yepcode, unha ferramenta de integracións e automatizacións con intelixencia e eficiencia, da man dun dos seus co-fundadores, Marcos Muino.


1.     E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]

[Yepcode]: YepCode é unha plataforma SaaS para equipos de desenvolvemento que lles permite crear, executar e escalar integracións, automatizacións e fluxos de traballo, especialmente en contornas con IA, de xeito rápido, seguro e eficiente.


2.     E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]

[Yepcode]: YepCode xurdiu como proxecto dentro de Trileuco Solutions en 2021. Trileuco é unha axencia de software galega que fundamos en 2009 e que en 2024 se integrou no grupo Diverger.

Antes desta integración, YepCode separouse e naceu como empresa independente, aproveitando varios anos de traballo inicial e trasladando un pequeno equipo de enxeñeiros.

Estamos baseados en A Coruña e o equipo actual é 100% galego, con orixes en San Sadurniño, As Pontes, Ribadeo e Melide.



3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]

[Yepcode]: O proxecto naceu como unha especie de “Zapier para developers”, co obxectivo de axudar aos equipos de desenvolvemento a integrar servizos, automatizar procesos e xestionar fluxos de traballo de forma rápida e segura mediante código fonte.

Hoxe, estamos aproveitando a onda da IA, ofrecendo unha solución que permite ademáis executar de forma segura código xerado por LLMs e crear ferramentas sobre o protocolo MCP de maneira áxil e eficiente, potenciando os axentes de IA para comunicarse coas bases de datos e APIs dos clientes.



4.     Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]

[Yepcode]: Durante estes anos, o noso foco foi construír unha solución robusta que resolva problemas reais, contando coa confianza dos primeiros clientes que nos proporcionaron un feedback moi valioso.

Os nosos próximos pasos son escalar YepCode a nivel global, aumentar a base de usuarios e clientes, e consolidar a nosa posición como ferramenta clave para desenvolvedores que traballan con automatizacións e fluxos de IA.



5.     Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]

[Yepcode]: Ata agora, o noso enfoque foi 100% bootstrap, financiando a creación de YepCode cos beneficios da nosa axencia de desenvolvemento.

Isto permitiunos construír unha solución robusta, lista para escalar e validada con clientes reais. Agora, para potenciar o noso crecemento, especialmente nas áreas de ventas e marketing, estamos en busca de socios financeiros que nos acompañen nesta nova etapa.




6.   Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]

[Yepcode]: Os nosos valores céntranse na calidade técnica, responsabilidade, innovación e colaboración. Traballamos en modelo híbrido ou remoto, dependendo das necesidades do equipo, e coidamos do talento fomentando autonomía, formación continua e un ambiente no que a xente se sinta motivada e apoiada.



7.   Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]

[Yepcode]: Ángel Viña, CEO de Denodo Technologies. Traballei nesta compañía hai uns 20 anos e, desde entón, sempre mantiven unha relación excelente con eles, incluso como provedor desde Trileuco/Diverger.

Admiro moitísimo o que conseguiron: crear unha compañía global, líder mundial en virtualización de datos, e mantendo o núcleo tecnolóxico na Coruña. Recentemente participei no acto do seu 25 aniversario, e foi xenial repasar toda a súa traxectoria.



8.    A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]

[Yepcode]: Creo que temos un ecosistema moi activo e con altísimo talento, con asociacións como Startup Galicia e eventos como Atlántica Conf, Nos Day ou Pulpocon que fan unha labor encomiable de divulgación.

Se teño que pedir un cambio, sería aumentar o recoñecemento na sociedade en xeral, para que se saiba que, ademais de ser líderes en sectores como o primario ou o téxtil, tamén contamos cun ecosistema tecnolóxico potente, onde mozos e mozas poden e deberían seguir desenvolvendo o seu talento.


Un agradecemento moi grande para Marcos por compartir o seu proxecto. E ti, tes un proxecto que paga a pena contar? Escríbenos a info@startup.gal, estamos desexando coñecerte!

Startup Galicia

A túa comunidade en Galicia

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal