Startups polo miúdo : Vidiv, a startup que está a darlle unha volta moi seria á IA de voz
13 de enero de 2026

“Startups polo miúdo” é unha ventá próxima e curiosa ao talento galego, un lugar onde coñecemos con calma proxectos tecnolóxicos feitos na casa. Achegámonos a eles con agarimo e atención, destacando o máis valioso do noso ecosistema: as persoas que poñen paixón e intelixencia en dar forma ás súas ideas.
Nesta volta falamos con Marcos Eguillor, Co-funddador e CEO, e con Jorge Fernández Evers responsable de marketing de Vidiv, unha plataforma tecnolóxica que crea axentes de voz e intelixencia artificial para automatizar a atención ao cliente, as vendas e as comunicacións empresariais.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Vidiv]: Vidiv nace co obxectivo de automatizar, personalizar e liberar carga de traballo nas organizacións, especialmente todo o que ten que ver coa atención ao cliente e cos procesos repetitivos que consumen tempo e enerxía dos equipos humanos.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Vidiv]: Vidiv fundouse no ano 2020, en pleno contexto de pandemia, cun propósito moi distinto ao actual: crear unha plataforma galega de eventos online en tempo real. Durante varios anos ese foi o noso foco principal.
A finais de 2024 fixemos o que probablemente foi o movemento máis importante da nosa historia: un pivotaxe profundo. Aproveitando toda a tecnoloxía que xa tiñamos construída arredor das conversacións en tempo real, decidimos dar o salto aos axentes de intelixencia artificial con voz.
O equipo fundador foi amplo nos inicios con persoas como Alfonso Gutiérrez, Marcos Eguillor ou Javier Cañada, pero Vidiv 2.0 é hoxe un proxecto máis pequeno, máis enfocado e formado por un equipo de cinco persoas.
Estamos ubicados no polígono industrial do Porriño, moi preto de Vigo, concretamente no vCenter, que funciona como base de operacións de distintas empresas do Grupo VisualMS, grupo ao que pertencemos.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Vidiv]: O problema inicial estaba claro: durante a pandemia, as organizacións necesitaban unha maneira eficaz de facer eventos online. Iso xa forma parte do pasado.
Hoxe o reto é outro. O noso foco está en dar valor real á intelixencia artificial dentro das organizacións, especialmente a través da voz. Non falamos de demos nin de experimentos, senón de solucións que traballan de verdade.
A nosa visión é clara: que unha empresa poida ter o seu propio empregado virtual, con tarefas definidas, automatismos, recollida de datos, xeración de informes ou atención telefónica continua. Cada axente adáptase ao caso concreto: pode ser parte do soporte, da área comercial ou simplemente a persoa que nunca deixa de coller o teléfono.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Vidiv]: Entramos agora nun ano clave. Levamos aproximadamente un ano operando con este novo enfoque e o seguinte paso é a consolidación.
Queremos crecer en número de clientes, ampliar equipo, coidar aos que xa confiaron en nós desde o inicio e abrirnos a novos perfís e niveis de cliente. Todo isto pasa por dúas cousas fundamentais: desenvolvemento de produto e un impulso comercial forte.
Non buscamos crecemento artificial nin acelerado sen sentido. Buscamos facer as cousas ben, paso a paso.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Vidiv]: Viñemos de catro anos de auténtica travesía polo deserto. Este é o quinto ano… e é tamén o primeiro no que pechamos en positivo. Cinco anos para chegar ao break even.
Funcionamos dun xeito pouco habitual no ecosistema startup. Como dicimos nós medio en broma, somos unha “startup con outras normas”. Ao formar parte do Grupo Visual, contamos cun respaldo estrutural que nos permitiu aguantar, aprender e evolucionar sen necesidade de facer rondas de investimento externas.
Nunca fixemos unha rolda nin é algo que busquemos activamente. A nosa inversión é a do propio grupo e crecemos co que xeramos. Este ano, por primeira vez, temos algo de marxe (moi pouca, pero real)para reinvestir en equipo e melloras. A hucha non está chea, pero polo menos xa non está baleira.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Vidiv]: Os nosos valores beben directamente dos do Grupo VisualMS. En Vidiv traballamos practicamente en remoto, con horarios flexibles e moitas facilidades para conciliar.
Somos Best Place to Work a nivel nacional na nosa categoría, e iso nótase no día a día. Reunímonos de forma presencial cada dous ou tres meses, segundo o momento do equipo. Temos persoas en Madrid e en Galicia, e a localización vai variando, pero a filosofía é clara: confianza e autonomía.
Somos un equipo pequeno, novo e con moita enerxía. A media de idade está arredor dos trinta e poucos anos, e apostamos polo talento sen importar onde estea.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Vidiv]: Se falamos de referentes, o noso é inevitable: Alfonso Gutiérrez, fundador do Grupo Visual MS. Non é o emprendedor “startupero” típico, pero é a nosa referencía. Fundou o grupo con pouco máis de vinte anos, a finais dos 90, e segue liderando un ecosistema de empresas moi diverso.
Como startup galega para recomendar, quedámonos con No Code Hackers, liderada por Álex Vaughtton. Son clientes, colaboradores e xente moi próxima. Naceron aquí, fan as cousas con cabeza e son un exemplo claro de como construír proxectos sólidos desde Galicia
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Vidiv]: O primeiro que falta (e isto vai medio en serio, medio en broma) son axentes de intelixencia artificial en galego. Nós témolos, por certo.
Agora falando en serio: o que botamos en falta é algo máis de conexión e coñecemento real arredor de tecnoloxías tan disruptivas como a intelixencia artificial. Desde a nosa posición, notamos que moitas empresas aínda non perciben o impacto real que pode ter integrar estas ferramentas nas súas organizacións.
Non é falta de talento nin de ganas. É máis ben unha cuestión de información, de cultura tecnolóxica e de entender que isto xa non é futuro: é presente.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


