Startups polo miúdo: TokApp, a conexión entre familias e centros educativos
29 de junio de 2025

“Startups polo miúdo” é unha pequena fiestra con moita curiosidade, aberta a descubrir proxectos galegos con ADN tecnolóxico. Achegámonos a eles con coidado e respecto, poñendo o foco no máis valioso do ecosistema: as persoas e o que constrúen co seu esforzo e ilusión.
Desta ocasión estamos a falar con Javier Romero. É o CEO dunha empresa que se adica á xestión educativa mediante a boa conexión de familias e os propios centros, chamada TokApp. Imos aló!
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[TokApp]: TokApp cambia a xestión educativa conectando familias e centros cun clic.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[TokApp]: Somos un equipo de soñadores, unidos pola misión de facer a vida máis fácil nas aulas. Coñecémonos no mundo da innovación educativa e estamos repartidos entre Vigo e onde a wifi nos leve.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[TokApp]: Queríamos que as familias e os centros educativos non tiveran que andar buscando papeis perdidos nin esperando notificacións en forma de "post-it".
Creamos TokAp para que todo sexa máis rápido, fácil e, sobre todo, ¡sen dores de cabeza!
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[TokApp]: ¡Seguir crecendo e axudando a máis colexios! Agora, coa implementación de opcións de IA, estamos facilitando aínda máis a xestión nos centros, como asistentes virtuais para mensaxería, atención telefónica, e máis.
Queremos que todo sexa máis eficiente e que os colexios poidan xestionar todo dende unha soa app.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[TokApp]: Cada ano seguimos crecendo, o que nos permite aumentar o equipo e engadir novas funcionalidades. O futuro pinta ben, estamos no bo camiño!
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[TokApp]: Encántanos traballar na oficina, pero cando é necesario, tamén sabemos facelo en remoto. O máis importante é que estamos todos no mesmo barco, traballando como un equipo.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[TokApp]: Admiro moito a Pablo García DaCosta, a súa constancia e visión como emprendedor. Empecei a traballar con el a través de PranaIA, e quedei impresionado pola súa capacidade para transformar ideas en proxectos sólidos.
Está facendo un traballo incrible no campo da intelixencia artificial e a consultoría, e en Galicia está marcando unha gran diferenza.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[TokApp]: O que máis me gustaría ver no ecosistema galego é máis apoio a startups novas, máis recursos e mentoring para que as boas ideas non se queden no camiño.
Mil grazas a Javier por compartir connosco o seu proxecto!
Seguimos abrindo espazo para dar a coñecer historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes algo entre mans e queres contárnolo? Escríbenos a info@startup.gal — estamos desexando escoitarte.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia