Startups polo miúdo: Kaantera, facilitando a formación nos clubes de fútbol
13 de junio de 2025

“Startups polo miúdo” é unha ventá pequena pero curiosa, aberta a coñecer proxectos galegos con ADN tecnolóxico. Achegámonos a eles con coidado e respecto, centrando a mirada no máis valioso do ecosistema: as persoas e o que constrúen.
Nesta ocasión imos a charlar con Yago Cousiño, CEO de Kaantera. A sua proposta ten que ver directamente ca mellora dos procesos de formación dentro do ámbito do fútbol, comezando polo galego.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Kaantera]: A idea de Kaantera xorde en 2013 na Academia do Celta en Campeche, México, grazas a Miguel Álvarez, actual Conselleiro e Responsable de Estratexia do Celta. El, xunto a outros profesionais do fútbol, adaptan a metodoloxía do Celta a un modelo de competencias para estruturar a metodoloxía e os procesos formativos.
O enorme éxito obtido nos primeiros catro anos, pasando da nada a unha academia exitosa cun equipo no Top-4 da Liga Nacional Juvenil de México e outro no Top-15, levou a recibir numerosas solicitudes doutras academias en México e España para replicar o modelo.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Kaantera]: Este éxito e a validación obtida impulsaron a Miguel a montar unha empresa de software en torno a Kaantera, asociándose en 2021 con Ángel Sahagún e Ignacio Naime. Máis tarde, uniuse Lalo García, achegando a súa experiencia no sector sport tech. Coa sua entrada no Celta, desvincúlase da sociedade propietaria de Kaantera e da paso a novos socios.
Actualmente, somos un equipo de cinco persoas a tempo completo e dúas a tempo parcial, situados en Vigo, Madrid, Barcelona e Cidade de México.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Kaantera]: Buscamos estruturar os procesos formativos no deporte para converter metodoloxías en xogadores competentes para acadar equipos competitivos. Queremos apoiar os corpos técnicos e equipos que non contan con recursos suficientes para formar aos seus mozos, proporcionándolles unha metodoloxía, un sistema e contido para levar a cabo adestramentos de maneira estruturada.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Kaantera]: Actualmente, estamos lanzando Kaantera 2.0, un produto deseñado para impactar no mercado masivo mediante a simplificación de procesos e unha interface mellorada. O noso obxectivo é expandirnos a máis clubs en España, Arxentina e México, ofrecendo flexibilidade e calidade. A longo prazo, planeamos expandirnos a mercados clave como os Estados Unidos, Xapón e Alemaña.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Kaantera]: Grazas ao investimento de ENISA recibido en decembro, contamos con suficiente capital para desenvolver Kaantera 2.0 e validar o produto cos nosos clubs asociados. Agardamos que este proceso de validación e conversión de clientes nos leve á rendibilidade en pouco tempo. É posible que busquemos traballar con investidores ou business angels para acelerar a nosa expansión a mercados máis maduros en tecnoloxía.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Kaantera]: Os nosos valores cara aos clientes céntranse en escoitar e achegar valor, asegurándonos de que cada interacción os deixe nunha mellor posición. Co noso equipo interno, valoramos a comunicación e o traballo en equipo, especialmente ao traballar en remoto. Realizamos visitas físicas regulares para manter un forte sentido de equipo e cohesión. Ademais, estamos traballando nun proxecto paralelo: un videoxogo de fútbol que nos axuda a unirnos e a traballar mellor como equipo.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Kaantera]: Creo que é fundamental destacar que na comunidade técnica e de startups galega hai moitísimas persoas interesantes e sempre dispostas a axudar. Xente como David Pardo, Daniel Ramos, Paulo Rodríguez, David Bonilla ou Jaime Novoa, entre outros, foron claves no ecosistema.
Se tivese que escoller un emprendedor de referencia, diría David Pombar. Axudoume moito nunha fase moi temperá da miña carreira e sempre estivo aí, apoiando á comunidade e botando unha man cando se necesita.
En canto a unha startup galega que recomendaría, mencionaría á xente de Cluber. Conseguiron manter vivo o seu proxecto durante moitos anos, mesmo estando ao bordo da bancarrota en varias ocasións. A súa capacidade de resistencia e adaptación é algo que realmente admiro.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Kaantera]: Creo que no ecosistema emprendedor galego fáltanos unirnos máis e concentrar os nosos esforzos en menos iniciativas, pero con máis impacto. Temos unha comunidade con moito talento e capacidade para facer cousas grandes, pero ás veces dispersámonos en demasiados frentes. Se logramos traballar de forma máis coordinada e empurrar na mesma dirección, poderiamos xerar un impacto moito maior.
Grazas enormes a Yago por falarnos do seu proxecto!
Nesta sección seguimos dando voz a historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes un proxecto e queres que o coñezamos? Escríbenos a info@startup.gal e falamos contigo.
Startups polo miúdo relacionadas: entrevista a Cluber.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia