Startups polo miúdo BIMA, mapas dixitais para o medio mariño e costeiro
7 de marzo de 2026

“Startups polo miúdo” é unha fiestra próxima e curiosa ao talento galego, un espazo no que nos achegamos con calma aos proxectos tecnolóxicos nacidos na nosa terra. Observámolos con atención e agarimo, poñendo o foco no máis valioso do noso ecosistema: as persoas que, con paixón e intelixencia, dan forma ás súas ideas.
Nesta volta falamos con Iván García, de BIMA, unha empresa que traballa con mapas dixitais aplicados a proxectos profesionais. A través dos Sistemas de Información Xeográfica, desenvolven ferramentas para comprender mellor o territorio e apoiar a toma de decisións.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Bima]: Bima é unha empresa que traballa con mapas dixitais, algo parecido ao que fai Google Maps, pero aplicado a proxectos profesionais, usando os Sistemas de Información Xeográfica para comprender mellor o territorio e apoiar a toma de decisións, especialmente no medio mariño e costeiro.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Bima]: Naceu da decisión de aplicar mapas dixitais e Sistemas de Información Xeográfica para dar resposta á crecente necesidade de xestionar e obter información do medio mariño e costeiro.
Como analista de datos temos a Carmen Seoane Rodríguez que grazas aos seus estudos no dobre grao de bioloxía e química máis o máster en Bioinformática, achega un punto de vista diferencial en temáticas relacionadas coa bioloxía e a química mariña.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Bima]: No mar é moi complicado obter información de forma fidedigna e grazas á experiencia que temos e os nosos perfís enfocados no mar, axudamos aos nosos clientes para ter toda a información dispoñible e optimizada para mellorar as súas decisión.
Bima aborda unha das principais problemáticas do ámbito mariño e costeiro: a gran cantidade de datos existentes, que adoitan estar dispersos, en formatos pouco compatibles e difíciles de interpretar, o que complica a súa xestión e o seu uso na toma de decisións.
A través de mapas dixitais e Sistemas de Información Xeográfica —nun enfoque semellante a un Google Maps— a empresa integra, analiza e representa esa información de maneira clara e visual, permitindo comprender mellor o territorio mariño, detectar conflitos de usos, apoiar a planificación e facilitar decisións máis informadas e sostibles.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Bima]: Como obxectivo máis próximo temos a de aumentar o numero de proxecto (moi atentos ao que pase coa eólica mariña) e comezar un proceso de crecemento de equipo (actualmente somos dúas persoas).Tamén temos en mente comezar a traballar mais para o estranxeiro.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Bima]: Desde a súa fundación a empresa funciona con recursos propios pero sempre estiven aberto a que aparecese un socio estratéxico que puidese acelerar a marca. Temos proxectos estables que nos permiten ir crecendo gradualmente, pero se que é certo que falta ese pequeno empurrón.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Bima]: Na empresa temos como bloque central pelexar pola conservación e respecto dos nosos mares, é a nosa pedra angular desde os inicios e todas as persoas que pasaron polo proxecto sempre estiveron aliñados con isto.
Desde o inicio teletraballamos sempre xuntándonos polo menos unha vez á semana para facer piña. Apostamos por xente nova que queira formar parte dun proxecto diferente e enfocado a mar, sempre fomentando polo crecemento dentro da empresa e por proxectos que resulten disruptivos.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Bima]: Admiro á miña nai que seguiu co negocio de peixe que tiña a miña avoa e a miña bisavoa, nun mundo tan complexo como o da pesca. Se tivese que recomendar unha startup sen dúbida diría oSIGris, coñézoos desde hai anos e para o meu son un referente tanto a nivel profesional como humano.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Bima]: Necesítase máis apoio e visibilidade, dentro do sector mariño somos poucos os que apostamos por innovar e querer crecer en Galicia. Témolo complicado, por iso é moi necesario para futuro recibir o que comentaba debido aos grandes retos que tocará afrontar.
Moitas grazas a Iván por falarnos do seu proxecto.
Seguimos abrindo espazo para dar a coñecer historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes algo entre mans e queres contárnolo? Escríbenos a info@startup.gal — estamos desexando escoitarte.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


