Startups polo miúdo: BENIU, mellorando o campo con drons

12 de octubre de 2025

“Moita xente fala de innovación, pero nós preferimos facela voar: levamos a tecnoloxía dos drons directamente ao campo para transformar o agro galego.”


“Startups polo miúdo” é unha ventá curiosa e cercana ao talento galego, pensada para coñecer proxectos con ADN tecnolóxico feitos na casa. Facémolo con agarimo e atención, destacando o máis valioso do noso ecosistema: as persoas e todo o que son capaces de crear coa súa paixón e traballo.

Desta vez toca falar con David Blanco, fundador e CEO de BENIU. Que fan? Desenvolven tecnoloxía de drons para sacarlle máis partido ó campo. Imos cas suas respostas!


1.     E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]

[BENIU]: En BENIU empregamos drons para dar solución ao sector agrícola e forestal: realizamos tratamentos fitosanitarios, soltas de organismos de control biolóxico, cartografía e seguimento ambiental. O noso obxectivo é levar esta tecnoloxía directamente ao campo para mellorar rendementos, reducir custos e facelo todo dun xeito máis sostible.


2.     E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]

[BENIU]: BENIU naceu hai 4 anos co obxectivo de buscar unha aplicabilidade real dos drons no sector agroforestal. Patrik e máis eu coñecémonos traballando nunha das primeiras empresas de drons en España; ao principio participou de maneira intermitente no proxecto, e hai un ano incorporouse xa de forma definitiva.



3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]

[BENIU]: A xente vía os drons no campo como algo afastado, moi do futuro, cheo de proxectos de investigación e I+D pero con pouca transferencia real.

O noso obxectivo número un foi baixalo a terra: levar solucións concretas que mellorasen os rendementos e as condicións de traballo. Para iso está a tecnoloxía, para achegar valor real ao sector.



4.     Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]

[BENIU]: Os nosos seguintes pasos son escalar os servizos, especialmente o sistema de solta de organismos beneficiosos (biocontrol con drons), consolidar as unidades operativas en Galicia e Valencia e chegar a abrir no futuro unha terceira en Andalucía.

Hoxe somos tres persoas fixas, pero en picos de traballo chegamos a ser sete, e o noso obxectivo é diversificar cultivos e campañas para evitar eses picos tan altos e conseguir unha actividade máis estable ao longo do ano. Ademais, estamos preparando a nosa primeira rolda de investimento para acelerar o crecemento.




5.     Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]

[BENIU]: Estamos nun momento propio dunha startup en crecemento: con ingresos recorrentes, apoiándonos en aceleradoras e preparando a nosa primeira rolda de investimento para dar o salto e escalar. O importante é que xa temos tracción e clientes públicos e privados que avalan o camiño.




6.   Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]

[BENIU]: Os nosos valores son a innovación aplicada, a sostibilidade e a proximidade co cliente. As tarefas dixitais facémolas en remoto, pero o campo hai que pisalo, e aí estamos sempre de forma presencial. Para nós o talento é clave: o crecemento da empresa vai da man do crecemento das persoas que forman parte dela.

Apostamos por unha curva de aprendizaxe completa: quen entra como asistente operativo fórmase e vai asumindo novas funcións pouco a pouco —en aplicación, planificación, análise de datos, mantemento ou coordinación—.

Non todos seguen o mesmo camiño, pero quen demostra compromiso e capacidade ten unha oportunidade real de medrar dentro da empresa.



7.   Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]

[BENIU]: Admiro a Emilio Froján, CEO e cofundador de Velca. Sen coñecelo persoalmente, o que transmite é esforzo e humildade, ademáis demostrando a enorme capacidade de levar adiante o proxecto. Os resultados conseguidos son unha barbaridade: en poucos anos, xunto co seu equipo, conseguiu situar Velca como referencia en mobilidade eléctrica e abrir mercado fóra de España. Esa combinación paréceme moi valiosa nun emprendedor.

En canto a startup galega, destacaría Innogando, polo que están a conseguir dende Lugo no sector gandeiro e porque xa levan a súa tecnoloxía a nivel internacional, e tamén Osigris, que desenvolve ferramentas dixitais para mellorar a xestión dos campos agrícolas. As dúas son exemplos claros de que dende Galicia tamén se pode innovar e exportar valor.



8.    A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]

[BENIU]: O que lle falta ao ecosistema galego é confianza no propio. Aquí hai talento e proxectos potentes, pero moitas veces semella que o de fóra sempre impresiona máis. Ese “ninguén é profeta na súa terra” segue a pesar. Se nos crésemos máis o que temos aquí, sería máis doado apoiar, escalar e facer que as startups galegas brillen tamén dende Galicia.


Moitas grazas a David por achegarnos o seu proxecto!

Seguimos creando espazos para visibilizar historias auténticas de emprendemento feito en Galicia. Tes algo entre mans e queres compartilo? Escríbenos a info@startup.gal — estamos con ganas de coñecer a túa historia.

Startup Galicia

A túa comunidade en Galicia

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal