Startups polo miúdo: Escapeo: converter vilas e cidades en escenarios de xogo para redescubrilos a través do móbil
17 de agosto de 2026

“Startups polo miúdo” é unha fiestra próxima e curiosa ao talento galego, un espazo no que nos achegamos con calma aos proxectos tecnolóxicos nacidos na nosa terra. Observámolos con atención e agarimo, poñendo o foco no máis valioso do noso ecosistema: as persoas que, con paixón e intelixencia, dan forma ás súas ideas.
Agora imos a escoitar as verbas do equipo de Escapeo. Esta startup aposta por unha forma divertida e interactiva de descubrir o patrimonio, a cultura e as historias propias de cada lugar. Nacida en 2026 a partir do proxecto Skeirrum, busca consolidarse en España e dar o salto a Europa en 2027.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup
[Escapeo]:Convertimos vilas e cidades en escenarios de xogo: escape rooms xeolocalizados que se xogan dende o móbil, sen instalar aplicacións, para redescubrir un lugar a través do que ten de propio.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Escapeo]: Escapeo nace na primavera de 2026, pero non de cero: xurde de Skeirrum, un proxecto que nos permitiu validar o produto e facer un lanzamento máis real ao mercado. Cando estivo claro que a idea funcionaba, Cintia xuntou un equipo especializado, novo e con moitas ganas de que todo saíra ben. Somos seis. Cintia, dende A Guarda, encárgase da xestión e a estratexia. Delia, natural da Guarda pero afincada en Madrid, deseñou a web. Néstor, tamén da Guarda, implementouna sobre o deseño de Delia e leva o desenvolvemento. Sarai, dende Baiona, é a que fai a innovación e a creación dos circuítos. Raquel leva o marketing, as campañas e as redes dende Vigo (e ás veces Canarias). E Erik, a nosa última incorporación dende O Carballiño, encárgase da programación, porque o produto non para, sempre estamos metendo melloras. Somos case todos da Guarda ou de Baiona, e ese arraigo á comarca do Baixo Miño nótase no que facemos. Perfís moi diferentes pero xúntanos a innovación e as ganas. Somos exemplo de startup moderna: 100% en remoto, cada un facendo o seu, sen necesidade de vernos en persoa para que as cousas saian ben. A base é boa xente con ganas, e a partir de aí todo o demais é máis doado.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Escapeo]: A xente, cando visita un lugar novo, quere pasalo ben, non aburrirse cunha audioguía nin instalar unha app para cada visita. E moitos sitios teñen cousas incribles que contar pero non a maneira de facelo enganchando. Nós quixemos xuntar tres cousas nunha soa: que fose divertido de verdade (non un check-list), que non esixise instalar nada, e que se puidese activar de xeito sinxelo e manter no tempo. Aí naceu Escapeo.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Escapeo]: Tres pasos claros: primeiro, consolidar o catálogo de cidades dispoñibles, xa temos experiencias en marcha en Granada, Pamplona e Valladolid, ademais de vilas galegas. Segundo, expansión a toda España este 2026 e a Europa en 2027. E terceiro, escalar o equipo para soster ese crecemento sen perder o coidado do produto.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Escapeo]: Estamos en autoxestión pura. O noso modelo baséase nunha rede de afiliados e nos contratos B2B que temos pechados, e coa combinación das dúas patas estamos tirando do proxecto adiante sen ronda. De momento non a temos planeada, preferimos crecer sostiblemente coa caixa que xeramos.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Escapeo]: Os nosos valores son catro: confianza, flexibilidade, boa comunicación e curiosidade pola innovación. Traballamos 100% en remoto, cada un dende onde vive, e cumprimos, pero somos moi flexibles nos como e nos cando. Cremos que a base para que un proxecto funcione é ter bo ambiente e respecto: cando ese caldo está ben feito, o equipo pode facer grandes cousas xuntos.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Escapeo]: Podería dicir que admiro a todos os emprendedores gústame comprendelos porque vivín o mesmo e sei o que é, e creo que para poder entendelo tes que vivilo. Pero se teño que quedarme cunha referencia próxima, admiro a Sabela Gippini, fundadora e CEO de Galiwonders, unha axencia pontevedresa que leva máis dunha década deseñando viaxes no Camiño de Santiago dende un enfoque de turismo responsable e rexenerativo con certificacións como Travel Life ou a S de Sostibilidade, e dando visibilidade a proxectos locais que traballan a gastronomía, o territorio e a cultura. É un exemplo do que significa emprender dende Galicia, para Galicia, cun modelo que suma. E a startup galega que recomendaría é Vanetta Food, de Águeda Ubeira: reinventa receitas tradicionais galegas e asturianas en versión vegana. Encántame porque parte do noso, pero convérteo en algo novo, un pouco tamén o que intentamos facer nós con Escapeo, pero cos lugares no canto das receitas.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Escapeo]: Máis tecido inversor local e moita máis cultura emprendedora. Talento hai, ganas hai, proxectos hai pero seguimos necesitando que máis xente de aquí aposte polo que se fai aquí, tanto poñendo cartos como normalizando que emprender é unha opción tan válida como calquera outra.
Moitas grazas a Escapeo por falarnos do seu proxecto.
Seguimos abrindo espazo para dar a coñecer historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes algo entre mans e queres contárnolo? Escríbenos a info@startup.gal — estamos desexando escoitarte.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia


