Startups polo miúdo: Quobis, mellorando a comunicación con voz IP
30 de mayo de 2025

“Startups polo miúdo” nace coa intención de ser unha pequena pero atenta xanela aberta a descubrir proxectos galegos con base tecnolóxica. Facémolo con coidado e respecto, poñendo o foco no máis valioso deste ecosistema: as persoas e as súas creacións.
Hoxe falamos un anaco con Iago Soto, cofundador de Quobis. Na sua xa larga traxectoria, Quobis adicouse a facilitar as comunicacións dixitais cas persoas. Imos con Iago.
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Quobis]: Usamos voz IP para crear novas experiencias de comunicación entre as persoas.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Quobis]: Quobis foi fundada en 2006 por Elías Pérez máis eu e continuamos a ser os socios da compañía. Ambos somos enxeñeiros da escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, fomos compañeiros de estudos.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Quobis]: Aquí estamos a resolver os problemas das comunicacións en tempo real, a conseguir que as persoas e empresas poidan comunicarse de maneira simple.
Como levamos 18 anos, os problemas e tecnoloxías que utilizamos para combatilos foron mudando pero a base segue a ser a mesma.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Quobis]: Agora creo que podemos axudar un pouco a que a xente volva ter confianza no canal telefónico, evitando o spam, fraudes telefónicos, etc.
O nivel de chamadas non desexadas xerou desconfianza no gran público e iso é un problema en certos sectore, incluso nalgún servizo crítico.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Quobis]: Quobis foi unha empresa con beneficios desde a súa orixe en 2006. Unha boa parte investiuse en proxectos de innovación e investigación, pero conta con reservas para garantir situacións atípicas o facer investimentos en terceiras empresas.
En 2024 fixemos o noso primeiro investimento nunha empresa, na que participamos actualmente.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Quobis]: Levamos catro anos sendo recoñecidos como a empresa cun maior compromiso co seu entorno polo "Atlas de la empresa comprometida de Galicia" que inclúe uso de proveedores locais, balance comercial positivo, colaboración con axentes sociais ou o usa da lingua propia.
Dito isto, temos as nosas políticas de fomento do teletraballo, pero combinadas con actividades presenciais os xoves, para os que viven nas proximidades da oficina. Optamos por ter un modelo híbrido para ter un equipo con maior cohesión e afeito a traballar en equipo.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Quobis]: As nosas oficinas están na antiga Granxa do Louro, que da nome ao polígono da Granxa. Jose Fernández López foi un emprendedor galego que creou esta granxa experimental (primeiros kiwis de Europa,...) pero que fixo outras cousas como crear Frigolouro (hoxe Coren), Pescanova ou a lexendaria farmaceutica Zeltia.
Á marxe de Amancio Ortega, non creo que exista un emprendedor que lle puidera facer sombra.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Quobis]: Temos a impresión que está a funcionar de xeito correcto. O carácter galego fai que sexan emprendedores máis sensatos, menos especuladores e con proxectos de maior recorrido, comparados cos de outras latitudes.
Grazas enormes a Iago por falarnos do seu proxecto!
Nesta sección continuaremos compartindo historias reais de emprendemento feito en Galicia. Tes un proxecto e queres que lle deamos visibilidade? Escríbenos a info@startup.gal e poñémonos en contacto.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia